12 de dec. de 2014

Severino

Severino foi un gaiteiro moi especial, famoso en todo o Concello de Friol, por varias cousas: por percorrer todas as festas coa súa gaita ao lombo e por fabricar aparellos para traballar, por facer as súas propias gaitas, punteiros, clarinetes...
Como moita xente da súa época, na súa casa tampouco había recursos para poder estudar, o que fai valorar máis ás cousas que Severino facía, pois ao igual que a xente de antes, Severino do pouco que tiña facía cousas que o facían feliz, como por exemplo tocar os seus instrumentos á saída das misas e ver como a xente disfrutaba coa súa música, tocaba a gaita, o clarinete, e tamén un bombo que facía soar co pé mentres tocaba a gaita.
Outra cousa que lle gustaba moito era ir a misa a diferentes puntos de Galicia, para saber de novos santos, Severino era unha persoa tranquila, que non se metía con ninguén, el disfrutaba da vida sen estresarse, podía botar todo o día aprendendo a tocar unha peza, ou fabricando punteiros para cambiar o son das súas gaitas, teño que engadir que el non sabía as notas musicais nin estudara música.
Unha curiosidade sobre el, é que aprendeu a montar en bicicleta sendo xa bastante vello, o seu método foi quitarlle os pedais á bicicleta para non perder o equilibrio, e preguntarédesvos, como é posible? Pois moi sinxelo, poñendo os pés no chan, así polo menos viaxaba sentado, co paso do temo aprendeu a pedalear, e ocorréuselle fabricar un carro pequeno para enganchalo á bicicleta e poder viaxar cos seus instrumentos de romaría en romaría.
Con case noventa anos faleceu, e había un ano que recibira unha homenaxe en Friol, ao igual que a súa gaita viaxara con el a moitos lugares, pediu que nesta última e máis longa viaxe tamén o fixera, e o seu desexo viuse cumprido. O seu legado pódese dicir que en certa forma segue presente, pois a uns pasos da súa casa estase formando unha nova gaiteira. 
Informante: Francisco Iglesias Pena 
Relación: Pai 
Idade: 53
Nome da casa: Cardeiro 
Lugar, parroquia: A Rocha 
Traballo feito por: Andrea Iglesias Núñez

Ningún comentario:

Publicar un comentario